Modalidad individual Masculino

Historia Independiente B.C.

25 ANOS DE HISTORIA del Independiente B.C. en el Bádminton Gallego

Foi ao amparo dun vestiario, no vetusto ximnasio do Pavillón Municipal dos Remedios, onde naceu a idea de fundar un club de bádminton. Alí estaba un grupo de practicantes deste deporte que se reunían cada día para xogar os seus partidos. Estamos falando da década dos oitenta, máis concretamente de decembro de 1986, e o impulsor da idea foi Alfonso Fernández Bouzada. Aquel foi o primeiro paso de cara á creación dun novo club ourensán, o mesmo que chegou ata os nosos días co nome de Independente Badminton Club Ourense.
 
Na primeira reunión constitutiva, celebrada en decembro do 86 nunha cafetería da avenida da Habana –que hoxe xa non existe– formouse a primeira Xunta Directiva capitaneada por Gladys Sampedro. A parcela técnica quedou a cargo do xa citado Afonso Bouzada, amigo por aquel entón do presidente da FESBA, José Luís Vila Piñeiro e presidente de Honra do club.
 
Daqueles tempos recórdanse a xogadores como Cima, Cherokee, Juan, Sergio, Susana, Maxi, Suso, Miguel…. e moitos outros. Tamén a técnicos foráneos como Juan Vila Mao, Gerardo Carreira,Yang Zheng Xiang, Pedro Blach…, entre varios máis que axudaron a mellorar o nivel daqueles emprendedores. Pouco despois o club daba un paso importante ao conseguir o seu primeiro patrocinador, a por aquel entón chamada Caixa Ourense.
 
Tras o primeiro mandato tomaría a substitución na presidencia Maximino Vázquez. Durante a súa etapa o club tería unha das épocas de maior esplendor chegando a contar con 60 licenzas federadas e obtendo excelentes resultados deportivos e organizativos. Destaca o 3º posto no Campionato de España de Clubs en Valladolid, o 7º posto en Granada, distintos títulos provinciais, excelentes clasificacións na Liga Galega de Clubs e Campionatos de España individuais, xogadores nas seleccións galegas…. Tamén a nivel organizativo levaron a cabo campionatos provinciais e autonómicos. 
 
Daquela segunda época hai que lembrar a xogadores importantes como Camoeiras, Bufo, Cadeas, Sandra, Bandín, Nica, Dani, María, David,Ana, Nuria, Mary,Tourón…. A terceira presidencia correspondeu a Marcial González, persoa de recoñecida traxectoria no deporte provincial de toda a vida e moi vinculado a Club Deportivo Ourense. Esa época foi, en certa medida, continuista da anterior. No deportivo mantivéronse e aumentaron os resultados anteriores, mellorando as posicións nas distintas competicións provinciais e autonómicas.
 
O gran cambio sería na parcela técnica. Alfonso Bouzada ata a data ‘alma mater’ do club abandoaría o mesmo pasando as responsabilidades técnicas aos xogadores máis veteranos como Juan Nóvoa e Jesús Gómez, principalmente. Debe destacarse tamén, o labor efectuado polo secretario de entón, Rogelio Gómez. En canto a xogadores é necesario citar ás irmás Gullón, Gonzalo, Jorge, Luís, Pili, Elena… Neste período o club contaría con patrocinadores como ‘Altius Sport’ e ‘Seguros Santa Lucia’, principalmente. A liña progresiva do club mantívose desde entón e así chegamos ao actual presidente, Miguel Anxo Pérez Camiña, que desde que ostenta o seu posto colleitáronse os mellores resultados da historia do club chegando a gañar Campionatos de España individuais, a Liga Galega de Clubs, Campionatos Autonómicos individuais, entre os máis importantes.
 
Actualmente o IBC posúe ao redor dunhas 30 licenzas e unha Escola Deportiva na localidade de Xinzo de Limia na que traballan 20 alumnos dirixidos por José Antonio Méndez. Así mesmo, o club ten en Juan Carlos Nóvoa o seu gran baluarte nas tarefas administrativas e de xestión mentres que os labores técnicos recaen en Jesús Gómez. No sempre importante aspecto económico subliñar que apoian á entidade ourensá en calidade de patrocinadores privados ‘Estronor’ e ‘RSL’, ademais de contar con todo o apoio das  institucións locais, provinciais e autonómicas. Entre os seus xogadores máis destacados están Rodolfo Ramírez (Guatemala), Nelson Javier (República Dominicana), Patricia Pérez, Raquel Miguens, Laia Osset, Breixo Regueira, Alberto Zapico, Bernardo Cabo, Eros Rodríguez, Jorge Rodríguez, Oscar Martínez…. Nestes 23 anos de historia, o Independente Estronor Bádminton Club Ourense soubo chegar e manterse na elite galega.
 
Como sucede en moitos casos, a perseveranza e altruísmo das persoas citadas, e seguro que de moitas outras que inxustamente non serían mencionadas pola fraxilidade da memoria, foron os alicerces do éxito deportivo e social da entidade. Ese mesmo esforzo, dedicación e entrega que ata a data demostrou o club ourensán, será tamén o que dará base a un futuro esperanzador.